InicioM.ambiente e PatrimonioA Xunta deberá indemnizar con 1,7 millóns á promotora da urbanización da...

A Xunta deberá indemnizar con 1,7 millóns á promotora da urbanización da Atalaia

Cultura pagou 300.000 euros no 2018 e deberá achegar outros 1,4 millóns para satisfacer a débeda, o que supón que se conxele o investimento para escavacións arqueolóxicas

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia deberá indemnizar a Promociones San Ciprián, S. L., cun total de 1,7 millóns de euros pola “redución do aproveitamento urbanístico” sufrido no ano 2007 relativo a dous solares situados na rúa do Faro de San Cibrao, nos que se planificou a construción dunhas 60 vivendas. As obras da promotora nunha terceira parcela lindante descubriron restos arqueolóxicos dun castro, o da Atalaia, documentado por primeira vez en 2004 e que segundo admitiu Patrimonio quedou danado polas actuacións.

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, a Consellería de Cultura xa aboou, no 2018, un primeiro pago de 300.000 euros, e terá que afrontar segundo de 1,4 millóns nesta anualidade. Será, en principio, nun prazo de tres meses desde a publicación da sentenza, con cáracter firme, aínda que na práctica este tipo de liquidacións soen dilatarse no tempo en función da capacidade da Administración.

DEBE OUTRO MEDIO MILLÓN EN VIGO

O Executivo autonómico deberá tamén neste curso, xunto co Concello de Vigo, sufragar outra indemnización de alomenos medio millón de euros por mor dun pleito interposto por unha promotora viguesa. Trátase de Inversiones Playamar, prexudicada segundo o Tribunal Supremo pola suspensión durante doce anos dunhas obras de construción dun edificio de cinco plantas para 25 vivendas e garaxes na rúa Marqués de Valladares, logo de que aparecese un xacemento arqueolóxico.

O ORZAMENTO PARA 2019, EN SUSPENSO

Ante destas débedas, o orzamento reservado para escavacións arqueolóxicas de urxencia para o ano 2019 quedou conxelado.

Isto significa que ao longo deste curso non se realizarán escavacións que non entren dentro das proxectadas no exercicio e cuxos xacementos fosen descubertos a partir da realización de obras ou outras incidencias, como é o caso da sauna castrexa da Atalaia, desvelada por unhas actuacións de saneamento e que a Consellería de Cultura decidiu tapar mesmo cando o arqueólogo que dirixiu a cata admitiu que a prospección “é insuficiente” para coñecer o valor do achado.

O SUPREMO DEU A RAZÓN Á EMPRESA

A Consellería de Cultura satisfará así a multa cuantificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en execución dunha sentenza do Tribunal Supremo, que en novembro do 2016 estimou parcialmente un recurso de casación presentado por Promociones San Ciprián.

Un ano antes, o TSXG desestimara unha reclamación de responsabilidade patrimonial presentada en outubro do 2010 pola promotora contra a Xunta, por un importe de 4,4 millóns de euros.

En xuño do 2007, trala presión de asociacións como Mariña Patrimonio e Adega, a Consellería de Cultura suspendera cautelarmente as obras e requeriu a Promociones San Ciprián a contratación de prospeccións arqueolóxicas nos dous solares nos que non comezaran as actuacións e que foron obxecto de reclamación.

CEN VIVENDAS PROXECTADAS

En pleno bum inmobiliario, Promociones San Ciprián adquirira tres parcelas na zona da Atalaia nas que planificaba edificios de 42, 32 e 26 vivendas. Os proxectos contaban coas necesarias licenzas municipais. Unha das edificacións, a primeira realizada e que supuxo a descuberta e alteración do castro, quedou -tralo estoupido da burbulla inmobiliaria e ante a falta de compradores- en esquelete, que deberá ser derruído despois de que o Concello de Cervo retirase os permisos concedidos e ordenase a demolición aos propietarios.

A promotora pediu que, no tocante aos outros dous solares, se compensase “o valor do terreo“, a “redución do aproveitamento urbanístico”, “o lucro cesante” e o “custo das obras xa realizadas“. O TSXG dictaminou que a resolución de Cultura conforme á protección dos restos arqueolóxicos se axustaba á norma e que o propietario “tiña o deber xurídico de soportar as limitacións do seu dereito de propiedade”.

Ademais, sinalou que o dictame da Consellería non supuxo a paralización senón o axeitamento das obras. No caso da primeira das parcelas, despois dun mes -o máximo prazo estipulado pola lexislación- continuaron paulatinamente ao contar con licenza municipal; nos outros dous solares, Cultura esixiu á empresa que contratase catas que acabaron por certificar a existencia do ben patrimonial e invalidar os proxectos inmobiliarios.

Con todo, a Sala do Contencioso-Administrativo do Supremo recoñeceulle á empresa o dereito a cobrar unha indemnización pola redución do aproveitamento urbanístico, ademais dos gastos realizados polos proxectos de obra, licenzas e promoción inmobiliaria; non así polos posibles beneficios derivados das construcións. Cos intereses de demora, a Administración autonómica debe aboar un total de 1,7 millóns de euros.

TRES ANOS PARA INCLUÍR O CASTRO NO INVENTARIO

O CONCELLO ALEGOU “NON PODER NEGARSE” AOS PERMISOS

Nese intervalo de tempo, entre o 28 de novembro de 2006 e o 18 de abril de 2007, o Concello de Cervo, gobernado polo PP, concedeu os tres permisos de edificación nos solares aínda tendo constancia do achado, documentado no borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). En agosto de 2006, mesmo se pararon as obras do observatorio de aves ante a aparición de restos arqueolóxicos. Sobre a concesión dos permisos, o executivo municipal argumentou que non puido negarse a autorizar as obras ao non existir protección no planeamento nin informe desfavorable por parte de Patrimonio.

OS RESTOS, DURANTE MESES Á INTEMPERIE

A raíz dos resultados das catas, no 2010, a Xunta resolveu protexer os restos arqueolóxicos e conservalos in situ, un requerimento que a empresa entendeu “incompatible” coas edificacións nos dous solares. Durante meses, os restos do castro aínda permanecerían á intemperie, sen que a promotora obecedese á esixencia de tapalos para a súa mellor conservación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...